martes, 25 de marzo de 2014

Xustificación candidatura Xosé Miguel B. Rodriguez

Prezadas/os compañeiras/os:
Son Xosé Miguel B. Rodríguez e, mediante este texto, quero explicarvos por que motivo
me candidatei para o referendo do día 30 de marzo de 2014. Procurarei ser claro e expoñer os
motivos e o meu programa.
1. Motivación
Realmente, debo confesar que nunca pensara eu en presentarme como candidato a nada.
Mais, os últimos acontecementos, a nivel organizativo, a nivel de proxección cara á militancia e
as miñas conviccións persoais conducíronme a tomar esta decisión.
En primeiro lugar e con moita dor, debo manifestar que eu apoiei a opción 2 no referendo
para decidir cal sería a nosa política de alianzas. A “inocente” declaración do noso Portavoz
Nacional, a poucos días do referendo, a favor da opción de ir coa esquerda federal española –ir
con, non ir na lista de…- condicionou claramente o resultado do referendo. Quen lle pediu que
se decantase por unha opción e el mesmo son sabedores do poder de influencia que el ten
sobre a militancia. Non vou ocultar a miña decepción, non só pola actuación de última hora do
Portavoz, senón polo que isto conlevou.
Na última Coordinadora Nacional, o 8 de marzo, alén de formalizárense as renuncias de
varios membros da Permanente, procedeuse a elixir nova Permanente, coa presenza de 88
persoas, 87 con dereito a voto (a asemblea do Morrazo disque non está legalmente
constituída). A proposta de nova Permanente, que coñeciamos pola fotografía dun pano de
mesa que aparecía no perfil de Anova Plural –pouco activo agora que se produciu o reparto de
cromos entre os afíns- acadou 44 votos a favor (43+1 do Morrazo) e houbo 44 persoas que
decidimos non participar na votación, favorecendo en todo caso que aquelas persoas que
apostaban por ir con IU –nunca se dixo na lista de IU, pois non é o mesmo coalición que
integración nunha lista- xestionasen o proceso.
Nesa mesma Coordinadora pediuse que os acordos con IU se fixesen públicos, para que a
militancia puidese ter claro coñecemento dos mesmos. Quedouse en remitilos con carácter de
urxencia a toda a militancia. Como ben sabedes, o acordo chegou o día 21 de marzo e con data
do 21 de marzo. Cadaquén que tire as súas propias conclusións.
Tamén na mesma Coordinadora, o Portavoz Nacional propuxo que votásemos sobre que
nos parecía a candidatura de Lidia Senra –que viñamos de coñecer que se lle propuxera ser a
candidata, sen que nin a CN nin a militancia soubesen nada-. Ante a negativa do chamado
agora “sector crítico”, pola falta de transparencia e porque na anterior CN quedaramos de
celebrar un referendo para designar candidatas/os, acordamos que se celebraría o referendo.
A miña opinión é que era tan evidente o intento de “dedazo” estilo PP na designación da
candidata, que non había forma de poder disimular e accedeuse a celebrar a consulta do
vindeiro domingo.
Dende a asemblea á que pertenzo, solicitouse a Organización que se nos remitise o acordo
con IU, antes da asemblea que iamos celebrar o pasado venres, 21 de marzo, e díxosenos que
se remitiría en breve a toda a militancia. Durante a nosa asemblea, recibimos aos nosos
dispositivos electrónicos un correo co famoso acordo. A nosa sorpresa foi maiúscula ao ver
que o acordo estaba asinado o propio 21 de marzo: o mesmo día. Entón, que acordo que nos
dixeran o día 8 que existía con IU nos ían remitir? Había acordo? Entre que interlocutores? Ou
todo era mentira, un engano da nova Permanente, cuxos membros presumían de
horizontalidade? Por iso emitimos un comunicado, solicitando que se vos remitise a toda a
militancia, pero que, argüíndo que –reproduzo textualmente- “a organización como tal só
pode darlle difusión neste caso, aos manifestos e escritos de campaña en apoio a unha
candidatura”.Por se queredes ler o comunicado, reprodúzovolo :
COMUNICADO DA ASEMBLEA DA LIMIA
Reunida a Asemblea da Limia o 21/03/2014, decidimos emitir o seguinte comunicado, solicitando a súa difusión entre a militancia:
- Consideramos que non podemos establecer un debate serio sobre as eleccións europeas, cando descoñecemos os termos do acordo
asinado con IU e tampouco sabemos cal vai ser o programa común a presentar e, xa que logo, a defender durante a campaña electoral.
O pouco que sabemos ata o de agora non o sabemos pola propia organización –Permanente, para ser máis exactos-, senón polas
declaracións realizadas por Yolanda Díaz, lideresa de EU, a través dos medios de comunicación.
- Durante a reunión, recibimos un correo, a través do cal se nos remite o acordo asinado con IU. A nosa sorpresa é maiúscula, cando
comprobamos que foi asinado hoxe mesmo, día 21 de marzo de 2014. Preguntámonos: o que había antes era un acordo verbal? Un
acordo acordado entre que membros de IU e de ANOVA? Onde e cando? O 8 de marzo acórdase na CN remitir con carácter de
urxencia un acordo con IU que supostamente existía e resulta que se asina ese acordo o 21 de marzo? Que era o que existía antes? Ou
non había nada?
- Consideramos esta situación unha tomadura de pelo e sentímonos enganadas/os pola nova Permanente que, no pouco tempo que
leva á fronte da organización, destaca fundamentalmente polo seu escurantismo. Resulta sorprendente que persoas que antes falaban
fraudes, ocultación de datos, censos que non se podían consultar, denunciando todo isto na prensa, agora incorren no que antes
denunciaban. Nunca en ANOVA houbo menos transparencia nin se enganou á militancia como agora. E para mostra o que acabamos
de ver co acordo con IU.
- Da lectura do acordo con IU acabado de saír do forno, comprobamos que ANOVA non vai en coalición coa esquerda federal, senón
integrada na lista de IU, xunto con EU, Espazo ecosocialista e outras organizacións. Integrada na lista de IU, non en coalición, que non
é o mesmo.
- Coincidimos en que ANOVA está a perder o seu carácter propio, a súa identidade, para alegría dalgunhas persoas que ansiaron -e
agora dende o poder organizativo fomentan-a disolución de ANOVA en AGE e que AGE se converta na ICV de Galiza.
- Nesta asemblea afirmamos con rotundidade que non queremos ser comparsa de IU nin tampouco renunciar ao carácter nacionalista
de ANOVA. Somos nacionalistas, non federalistas e non imos renunciar aos nosos principios.
- Non concordamos co argumentario que ultimamente se emprega para xustificar a escura disolución de ANOVA en AGE. Dise que hai
que primar o social e isto conleva aparcar o identitario. Estásenos pedindo que renunciemos a algo que para nós é irrenunciable. Somos
nacionalistas e de esquerda. Afirmamos rotundamente que o nacional e o social non son incompatibles, senón todo o contrario. Para
nós, o nacional é o que nos leva ao social; a un social específico para o noso pobo: Galiza. Cómpre actuar socialmente dun xeito propio,
pois non é o mesmo o carácter, o xeito de vivir, as necesidades... do pobo galego, ca do catalán, do francés ou calquera outro pobo.
- Acordamos non renunciar aos nosos principios. Non queremos que ANOVA se converta nunha corrente de opinión de IU e loitaremos
para que isto non suceda. En todo caso, sexa en ANOVA ou fóra dela, loitaremos por unha Galiza soberana dende a esquerda e dende
o nacionalismo.
En xinzo de Limia, a 21 de marzo de 2014.
Ante o exposto, ante o engano, ante a espúrea tentación de impoñer unha candidata xa
preseleccionada, ante a violación dos nosos principios fundacionais e dos acordos tomados na
IAN, así como en anteriores CN, decido presentarme a este referendo que contribuín a
impulsar. Porque son nacionalista –non federalista-; porque me indigna que a militancia de
ANOVA estea sendo –baixo o meu punto de vista- enganada; porque non é o mesmo
coaligarse con outras forzas ca unha integración na lista de IU, liderada polo PCE dos pactos da
Moncloa; porque este proceso estivo dominado polo escurantismo e pola falsidade; porque os
acordos debemos tomalos o conxunto da militancia e non seren negociados en palcos de
estadios de fútbol –como se ten insinuado-. E, fundamentalmente, porque ANOVA foi
concibida como unha forza de esquerda pero tamén nacionalista… Por todo isto, presentei a
miña candidatura.
2. Propostas
Tal e como moitas/os de vós sabedes, os meus compromisos son os seguintes:
A. Comprométome a defender o programa aprobado pola militancia de ANOVA na
Conferencia Nacional e ratificado pola militancia en referendo.
B. Comprométome a, en canto tome posesión da acta como eurodeputado, pasar ao grupo
dos non-adscritos, no nome de ANOVA e traballar para Galiza só no nome de ANOVA.
C. Comprométome, de acordo co mandato da miña asemblea e das miñas propias
conviccións, a non facer campaña con IU, federal ou non federada.
Creo que a miña postura representa, non só ao amplo grupo de militantes nacionalistas,
senón tamén a todas aquelas persoas que non concordan co escurantismo co que se abordou
este proceso de integración dos nosos candidatos en IU, tentando disfrazar esta integración
con argumentos de base ben feble como que nas papeletas só apareceran os candidatos de
AGE ou que temos un posto seguro, coa visibilidade que iso supón.
Grazas por prestarme a vosa atención.
Apertas.
Xosé Miguel B. Rodriguez
Publicaremos sen censura previa todos os escritos que nos acheguen as persoas candidatas e a afiliación de Ferrolterra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario