Xoán Manuel Rodríguez Bastida
QUEN SON
Nacín en Sillobre, una parroquia do concello de Fene, en Ferrolterra, no 20 de xullo de 1954.
No 1969, con 15 anos recén cumpridos entro a traballar como aprendiz no estaleiro de ASTANO, como tubeiro (daquela chamábase plomeros), logo de tres anos na Escola de Aprendices incorporeime a unha oficina técnica. Participei desta forma na construción dos maiores petroleiros do mundo.
Entre 1974 e 1980 fago os estudos de medicina na universidade de Santiago, grazas a una beca dada polo estaleiro. Compaxino os estudos co traballo, con permisos temporais e traballando nas vacacións da universidade.
Licenciome en medicina no 1980, e no 1982, xa en plena crise do sector naval, abandono o estaleiro cunha baixa indennizada.
A entrada no estaleiro supón tamén a entrada inmediata no movemento obreiro, nas ilegais CCOO e nos círculos do Partido Comunista, no que empecei a militar oficialmente aos 18 anos no 1972, encadrándome no sector nacionalista.
En 1977 abandono o Partido Comunista e colaboro dende o inicio na creación do Partido Obreiro Galego (POG), sendo membro do seu Consello Executivo. Abandono tamén as CCOO e participo na Confederación Sindical Galega e logo na CIGA.
Milito en Esquerda Galega ata o ano 1984, en que abandono a militancia partidaria por discrepancias políticas.
Dende entón estou sin militancia partidaria aínda que si persoal na esquerda e no nacionalismo (un ten un pedigrí imposible de perder). A creación de ANOVA e as súas propostas programáticas iniciais fanme volver a militancia política partidaria.
Son especialista en Medicina do Deporte. Traballo en Ferrol, na miña Clínica de medicina deportiva, rehabilitación e fisioterapia, e na Coruña, na Unidade de medicina deportiva do Hospital Santa Teresa- Quirón.
Son o asesor médico de deportistas de distintas especialidades, galegos e de outros países, mesmo de fora de Europa. Teño un blog no que escribo cousas da especialidade, aínda que tamén de cousas da vida (bastidaxm. blogspot.com.es).
Fun médico no ciclismo profesional, en equipos de Portugal (catro anos no meu segundo país), Madrid, Euskadi (no Euskatel Euskadi, “aqueles maravillosos anos”) e finalmente no Xacobeo Galicia (os peores anos da miña vida profesional, pode verse consultando google co meu nome).
Esta actividade permitiume percorrer e coñecer profundamente Europa, pois cada ano máis de 100 días pasabaos en distintos países. Dinme conta e comprobei que as súas xentes non se diferencian en nada das do noso país, agás no idioma, e o noso país tampouco se diferencia esencialmente dos outros. Somos unha nación europea.
Tamén me serviu para comprobar que esa frase que utilizan os antinacionalistas “el nacionalismo se cura viajando”, non só e incerta senon que canto máis viaxaba, máis europeo me sentía, e máis partidario de independencia de Galiza me facía.
Ningún comentario:
Publicar un comentario