luns, 24 de marzo de 2014

COMUNICADO DA ASEMBLEA DA LIMIA

Reunida a Asemblea da Limia o 21/03/2014, decidimos emitir o seguinte comunicado, solicitando a súa difusión entre a militancia:
- Consideramos que non podemos establecer un debate serio sobre as eleccións europeas, cando descoñecemos os termos do acordo asinado con IU e tampouco sabemos cal vai ser o programa común a presentar e, xa que logo, a defender durante a campaña electoral. O pouco que sabemos ata o de agora non o sabemos pola propia organización –Permanente, para ser máis exactos-, senón polas declaracións realizadas por Yolanda Díaz, lideresa de EU, a través dos medios de comunicación.
- Durante a reunión, recibimos un correo, a través do cal se nos remite o acordo asinado con IU. A nosa sorpresa é maiúscula, cando comprobamos que foi asinado hoxe mesmo, día 21 de marzo de 2014. Preguntámonos: o que había antes era un acordo verbal? Un acordo acordado entre que membros de IU e de ANOVA? Onde e cando? O 8 de marzo acórdase na CN remitir con carácter de urxencia un acordo con IU que supostamente existía e resulta que se asina ese acordo o 21 de marzo? Que era o que existía antes? Ou non había nada?
- Consideramos esta situación unha tomadura de pelo e sentímonos enganadas/os pola nova Permanente que, no pouco tempo que leva á fronte da organización, destaca fundamentalmente polo seu escurantismo. Resulta sorprendente que persoas que antes falaban fraudes, ocultación de datos, censos que non se podían consultar, denunciando todo isto na prensa, agora incorren no que antes denunciaban. Nunca en ANOVA houbo menos transparencia nin se enganou á militancia como agora. E para mostra o que acabamos de ver co acordo con IU.
- Da lectura do acordo con IU acabado de saír do forno, comprobamos que ANOVA non vai en coalición coa esquerda federal, senón integrada na lista de IU, xunto con EU, Espazo ecosocialista e outras organizacións. Integrada na lista de IU, non en coalición, que non é o mesmo.
- Coincidimos en que ANOVA está a perder o seu carácter propio, a súa identidade, para alegría dalgunhas persoas que ansiaron -e agora dende o poder organizativo fomentan-a disolución de ANOVA en AGE e que AGE se converta na ICV de Galiza.
- Nesta asemblea afirmamos con rotundidade que non queremos ser comparsa de IU nin tampouco renunciar ao carácter nacionalista de ANOVA. Somos nacionalistas, non federalistas e non imos renunciar aos nosos principios.
- Non concordamos co argumentario que ultimamente se emprega para xustificar a escura disolución de ANOVA en AGE. Dise que hai que primar o social e isto conleva aparcar o identitario. Estásenos pedindo que renunciemos a algo que para nós é irrenunciable. Somos nacionalistas e de esquerda. Afirmamos rotundamente que o nacional e o social non son incompatibles, senón todo o contrario. Para nós, o nacional é o que nos leva ao social; a un social específico para o noso pobo: Galiza. Cómpre actuar socialmente dun xeito propio, pois non é o mesmo o carácter, o xeito de vivir, as necesidades... do pobo galego, ca do catalán, do francés ou calquera outro pobo.
- Acordamos non renunciar aos nosos principios. Non queremos que ANOVA se converta nunha corrente de opinión de IU e loitaremos para que isto non suceda. En todo caso, sexa en ANOVA ou fóra dela, loitaremos por unha Galiza soberana dende a esquerda e dende o nacionalismo.
En xinzo de Limia, a 21 de marzo de 2014.

Ningún comentario:

Publicar un comentario