Compañeiras e compañeiros de ANOVA
Son militante de ANOVA dende a súa creación, e preséntome como candidato para representar ANOVA no Parlamento Europeo.
Teño programa. O elaborado por todos nós e aprobado na Conferencia Nacional do 2 de febreiro e ratificado maioritariamente no referendo do 23 de febreiro. É o programa de ANOVA.
Sería incongruente pola miña parte presentarme sen ter un programa ou estando á espera de telo, e máis cando pode que sexa un no que non participase na súa elaboración. Indicaría que tan só tiña interese polo cargo.
O meu pensamento político aséntase na tradición do movemento obreiro, do nacionalismo e do internacionalismo, alimentándose coa análise da complexa dinámica social. Pero sempre marcado polo obxectivo final de conseguir a liberación nacional e social de Galiza.
Na diversidade de Europa, debemos colaborar no proceso de construcción dunha alternativa, dunha contratendencia do estado actual da Unión Europea. Outra Europa é posible.
A UE constitúe un espazo político que permite una loita eficaz para as forzas políticas afíns, que no conflito social existente na maioría dos países e na situación das nacións sen estado, configuren una dialéctica aberta que permita construir un modelo de referencia que impugne a actual dinámica da Unión, tanto nos métodos como nos fins.
A crise económica e as políticas de austeridade impostas pola Troika (Comisión Europea, Banco Central Europeo e Fondo Monetario Internacional) están a provocar unha fractura social e una relación de subordinación e dependencia das economías periféricas, que da lugar a destrución dos modelos sociais estatais, perceptible en ámbitos como a flexibilidade do mercado de traballo e a perda de dereitos dos traballadores, a redución da protección social e a sanidade pública, as reformas educativas, etc. Os problemas económicos, políticos e sociais que estas políticas orixinan nas clases populares e na cidadanía máis desfavorecida son semellantes no noso país e nas outras nacións da UE. Galiza ten una estructura social semellante á doutras nacións, cun 10% da poboación activa no sector primario e cun sector industrial e de servizos que ocupan á mayoría da poboación. Xa os sectores agrario e pesqueiro, fundamentais na estructura económica do país, están hoxe moi industrializados.
Son estas as raíces comúns en toda Europa do conflito social. É un dos dous piares da citada dialéctica aberta para a nosa acción política no Parlamento Europeo.
O outro piar da dialéctica aberta ven dado pola reivindicación do recoñecemento pola Unión Europea das nacións sen estado. Esta cuestión vai ser tema importante de debate na próxima lexislatura, pois terá que afrontarse a petición de independencia de Escocia e de Catalunya.
A pertenza a UE, a unha Europa sin fronteriras, fai posible a reivindicación estratéxica dunha Galiza como estado independente integrado nos valores europeos e universais. Galiza é unha nación europea con características semellantes as outras nacións atlánticas europeas e vencellada universalmente coas outras nacións do mundo do ámbito lingüístico do noso idioma.
O obxectivo estratéxico é a soberanía plena de Galiza como nación europea.
A proposta dun estado plurinacional dentro do Estado Español non garante a emancipación nacional se non permite a configuración dun Estado Galego.
Galiza non é diferente de Catalunya ou Euskadi. A proposta galega de ter un estado independente ten a mesma xustificación política que a que poidan alegar eses dous países ou calquer outro da UE como Escocia, independentemente de que as forzas que o reclamen non sexan no presente hexemónicas para conseguilo. Debemos ter lealdade ao proxecto nacional.
Os dous piares citados para a nosa acción parlamentar, son consubstanciais co noso obxectivo final de conseguir a liberación nacional e social de Galiza, obxectivos dialecticamente incardinados e inseparables nun mesmo proceso, xa que a loita por unha sociedade sen clases presupón a supresión de todo tipo de opresión nacional.
Xoán Manuel Bastida
Ningún comentario:
Publicar un comentario