domingo, 30 de marzo de 2014

Resultado referendo

En Ferrolterra pechouse a votacion ás 6 da tarde, ante as ameazas da dirección de anular os resultados da mesa. Propúñase até as 21h, para facilitar a participación na manifestación polo naval. Os resultados foron; 16 votos Xoan Manuel Bastida, 6 votos Lidia Senra, 2 votos Carlos Lorenzo e 1 voto nulo, sendo vencedora a abstenión.

Horario referendo

En Ferrol o colexio electoral permanecerá aberto até as 21:00 horas. Xa lho comunicamos repetidas veces a organizacion nacional. Velaí as razóns:
Em Ferrol remata as 21:00 horas por duas razóns:
a) Por non recortar o xa acadado no referendo anterior.
B) Por favorecer a participación na manifestación a prol do naval ( unha vez máis esquecédesvos disto... que mágoa e/ou incompetencia) que inicia as 12:00 horas no inferninho e remata sobre as 13:30 horas

sábado, 29 de marzo de 2014

Anova Ferrol aposta polo naval

O feito de que o sector naval desapareza das linhas programáticas de cara ás eleccións europeas amosa o grao de desvinculación dunha dirección? da realidade socioeconómica da que tanto soe falar o portavoz nacional e amosa con claridade que estamos ante unha cúpula e aparato para a que o único importante son os postinhos e os sillóns´algo que precisamente é umha cópia do pior dos partidos sistémicos. A cúpula e o aparato de Anova, olvidou o seu programa, aprobado pola militancia na conferencia nacional, no que si
se recollía, entre outras cuestións, o levantamento do veto á construcción civil. O sector naval de Ferrolterra é o motor económico dunha comarca de 200000 habitantes, Ferrol é a cidade do país con maior taxa de desemprego. Non consentiremos que o problema que machaca á nosa comarca, sexa olvidada
pola incompetencia duns cantos dirixentes. Máis umha vez Espanha é o importante.

venres, 28 de marzo de 2014

Xoán Manuel Bastida-CRÍTICA DO PROGRAMA OFICIAL DE ANOVA

Por fín hai programa oficial. Acabo de recibilo. Está cheo de obviedades e eufemismos para evitar poñer unha cuestión clara: GALIZA TEN QUE SER UNA NACIÓN INDEPENDIENTE DENTRO DA UNIÓN EUROPEA.
Vexamos o que din eles e o que digo eu:
Título: Programa da Coalición Galega Anova, Espazo socialista, Esquerda Unida.
Coalición galega porque non está Izquierda Unida. Pensan que a xente é parva.
Apartado I. Razóns para..
2) Recoñecemento da língua….
Ok, que menos, so faltaría.
7) Conseguir que Galiza sexa recoñecida como circunscrición electoral.
Ok, que bonito é. Para eles debe ser xa suficiente tal recoñecemento.
10) Galiza é una nación europea. O pobo galego debe participar na construcción dunha Europa dos Pobos.
Totalmente de acordo, é unha nación europea. Pero non é que o pobo galego debe participar….. E que “Galiza é unha nación europea e o pobo galego ten dereito a constituirse en Estado soberano. Galiza ten que ser unha nación máis na Unión Europea”.
Apartado II. O estado galego nunha nova Europa
1)Soberanía nacional galega como exercicio de poder pola cidadanía….en materia política, económica, alimentaria…
Vaia rollo para evitar dicir o que hai que dicir. Nin se entende e ademáis son palabras inconexas e imposibles de unir dialécticamente.
“Soberanía pola cidadanía en materia de…” . A soberanía refléxase na constitución dun Estado soberano.
4)Defensa activa da nosa identidade nacional, contra as políticas lingüicidas….a prol da integridade da nosa paisaxe e do medio natural..
Xa o dixeron no punto 2 das razóns. Queda bonito. Ben pola paisaxe e o medio natural, é, para eles, unha forma de camiñar cara á soberanía e a independencia.
6)Defensa do recoñecemento dos dereitos dos pobos a decidir e da necesaria modificación dos tratados…..para que sexa efectiva a expresión democrática dos pobos nos procesos de elección do modelo de convivencia territorial.
¡Manda carallo!
Aquí está a clave, ben escondida.
Hai que separar:
“Defensa do recoñecemento dos dereitos á modificación dos tratados”. Nin sequera dín defensa do dereito de autodeterminación. Vaia claudicación.
“Elección do modelo de convivencia territorial”. Grande eufemismo que non quere dicir absolutamente nada.
E XA NON HAI NADA MÁIS
PARA QUE ESTIVEMOS ELABORANDO UN PROGRAMA, PARA QUE FIXEMOS UN REFERENDO, QUE TEN QUE VER ESTE PROGRAMA CO NOSO?

ARGUMENTACIÓN DA INTERVENCIÓN NO ACTO ELECTORAL CELEBRADO NO ATENEO DE FERROL. (27-03-2014) XOAN MANUEL BASTIDA


Grazas á organización de Ferrol por darme a oportunidade de contar como entendo a elección ao Parlamento Europeo, cal é o meu programa e como e onde sería a miña actuación parlamentar.
Lamento moito a non participación dos outros candidatos, pero iso é consecuencia da forma antidemocrática e manipulativa por parte da direción de levar a cabo un proceso esencialmente democrático.
A dirección, o aparato da organización, presenta a una candidata, Lidia Senra -todos os meus respetos para ela- , e X.M. Beiras e M. Noriega fan campaña ao seu favor. Non vale que digan que falan a título individual, que non falan como órganos. É una tolería, ou de esquizofrenia, e non deben ter desdobramento de personalidade. É una manipulación, xa que todo o mundo saben que son a cabeza visible de ANOVA.
Nun proceso serio e profundamente democrático, a dirección tería que convocar un acto central no cal todos os candidatos expuxesen o seu programa.
Eu considerome un dos candidatos oficialistas de ANOVA, porque o meu programa é o elaborado, discutido e aprobado pola maioría dos militantes.
A día de hoxe descoñecemos como é o acordo coa esquerda federal como se lle chama. Nun comunicado do día 21 de marzo cóntasenos que ANOVA concorrerá con ESQUERDA UNIDA, e o día 22 dísenos tamén nun correo electrónico que a día de hoxe existe un acordo de Anova e EU que ten o placet con posterioridade de IU federal e que comenzaron as conversas para definir o programa galego con EU e Espazo Ecosocialista, ¡con posterioridade! Quedan dou días para finalizar a campaña e non temos noticias. Ese ”programa definido”, nun proceso democrático debería someterse a referendo de toda a militancia, cousa que non vai acontecer.
Lidia Senra é una persona moi respetable, pero como ela dí na súa carta é a candidata de AGE, non de ANOVA, e si como dí é una persona políticamente concienciada e non está en ANOVA, será por non estar de acordo ou non gustar dos nosos presupostos políticos. Pareceme una incongruencia presentarse para un cargo de representación política sen ter un programa, estando á espera de telo, e sen participar na súa elaboración, asumindo o que se lle presente.
“Teño que facerlle una crítica a X.M.Beiras. Cando él fala non fala un militante de forma individual, fala BEIRAS. A súa carta é penosa, cando a lin acordeime das églogas e pastorelas. Dí o diccionario, Égloga: composición poética de tipo bucólico usualmente de carácter artificioso. E vaia se é artificiosa a carta. Artificiosa e manipulativa. Na súa argumentación citando a Castelao, a Basilio Álvarez, Cabanillas, e o cura das Encrobas, acaba facendo a Lidia Senra sucesora destos personaxes. É incribel, con todos os meus respectos a Lidia Senra. Fai una referencia ao aspecto bucólico de Galiza, e digo eu: pero tí de que vas X.M. Beiras?, de que vas con esa carta?, de que vas con esa manipulación de toda a militancia?,……. será que vale todo con tal de ir con IU? Ademáis, vouvos dicir una cousa, ese país que parece reflexar Beiras na súa carta non é o país que eu quero. Recordo un poema de Xoán Manuel Casado, do que logo Miro Casabella fixo una fermosisima canción, que dicía: “O meu país é verde e neboento é saudoso e antergo, é una terra e un chán. O meu país labrego e mariñeiro é un recuncho sen tempo que durme nugallán”. Ese non é o meu país, nin o país que eu quero. Galiza é una nación europea e moderna. Tan só un 10% da poboación activa está no sector primario e os servizos e a industria ocupan á maioría da poboación. É manipulador recurrir ao sentimento labrego. É como si eu por ter traballado no estaleiro de ASTANO recurro a toda a tradición de loita do sector naval e do movemento obreiro, arrogándome una herdanza que me valorizase, acudindo á morte de Amador e Daniel no ano 1972. Sería no só absurdo senon lamentabel……Cada un ten as súas capacidades”.
No 2015 finaliza o veto para a construcción civil nos nosos estaleiros, pero iso non quere dicir que non vaian a poñernos calquer outro, xa o fixeron antes, temos que loitar para impedilo, tamén no parlamento europeo.
Explico como é o Parlamento Europeo, as composición dos grupos e o grupo ao cal eu pertencería no caso de ser elixido, ao da Alianza pola Europa das Nacións.
Aínda indo na lista de IU, pode facerse. A normativa dí: “os deputados son libres e independentes nas súas funcións políticas, e non están sometidos a mandato imperativo algún durante o exercicio das mesmas, sen prexuizo dos compromisos que adquiran como consecuencia da súa adscrición voluntaria a algún dos grupos políticos do Parlamento”.
Tomolle a palabra a Beiras cando no seu manifestó de apoio a proposta 1 do referendo dí que a esquerda federal e o camino que nos vai permitir levar as nosas propostas a Europa. Collo ese tren, pero ao chegar a estación término, subo a escala que me leva ao grupo da Alianza pola Europa das Nacións, porque no caso de ser elixido, sendo ese o meu obxectivo programático, é tamén o mandato da militancia. Hai que ter lealtade ao proxecto nacional.
Os dous piares da miña acción parlamentar, de ser elixido, serán o conflito social e o conflito das nacións sen estado. Son os piares en que basar a dialéctica de loita, un, o do conflito social en marcha dende sempre, e o outro que será un tema de importancia na próxima lexislatura, pois haberá que discutir as propostas de independencia de Escocia e Catalunya. Galiza debe estar ahí.

CANDIDATURA GALEGA ÁS ELECCIÓNS EUROPEAS

Xoán Manuel Rodríguez Bastida
QUEN SON
Nacín en Sillobre, una parroquia do concello de Fene, en Ferrolterra, no 20 de xullo de 1954.
No 1969, con 15 anos recén cumpridos entro a traballar como aprendiz no estaleiro de ASTANO, como tubeiro (daquela chamábase plomeros), logo de tres anos na Escola de Aprendices incorporeime a unha oficina técnica. Participei desta forma na construción dos maiores petroleiros do mundo.
Entre 1974 e 1980 fago os estudos de medicina na universidade de Santiago, grazas a una beca dada polo estaleiro. Compaxino os estudos co traballo, con permisos temporais e traballando nas vacacións da universidade.
Licenciome en medicina no 1980, e no 1982, xa en plena crise do sector naval, abandono o estaleiro cunha baixa indennizada.
A entrada no estaleiro supón tamén a entrada inmediata no movemento obreiro, nas ilegais CCOO e nos círculos do Partido Comunista, no que empecei a militar oficialmente aos 18 anos no 1972, encadrándome no sector nacionalista.
En 1977 abandono o Partido Comunista e colaboro dende o inicio na creación do Partido Obreiro Galego (POG), sendo membro do seu Consello Executivo. Abandono tamén as CCOO e participo na Confederación Sindical Galega e logo na CIGA.
Milito en Esquerda Galega ata o ano 1984, en que abandono a militancia partidaria por discrepancias políticas.
Dende entón estou sin militancia partidaria aínda que si persoal na esquerda e no nacionalismo (un ten un pedigrí imposible de perder). A creación de ANOVA e as súas propostas programáticas iniciais fanme volver a militancia política partidaria.
Son especialista en Medicina do Deporte. Traballo en Ferrol, na miña Clínica de medicina deportiva, rehabilitación e fisioterapia, e na Coruña, na Unidade de medicina deportiva do Hospital Santa Teresa- Quirón.
Son o asesor médico de deportistas de distintas especialidades, galegos e de outros países, mesmo de fora de Europa. Teño un blog no que escribo cousas da especialidade, aínda que tamén de cousas da vida (bastidaxm. blogspot.com.es).
Fun médico no ciclismo profesional, en equipos de Portugal (catro anos no meu segundo país), Madrid, Euskadi (no Euskatel Euskadi, “aqueles maravillosos anos”) e finalmente no Xacobeo Galicia (os peores anos da miña vida profesional, pode verse consultando google co meu nome).
Esta actividade permitiume percorrer e coñecer profundamente Europa, pois cada ano máis de 100 días pasabaos en distintos países. Dinme conta e comprobei que as súas xentes non se diferencian en nada das do noso país, agás no idioma, e o noso país tampouco se diferencia esencialmente dos outros. Somos unha nación europea.
Tamén me serviu para comprobar que esa frase que utilizan os antinacionalistas “el nacionalismo se cura viajando”, non só e incerta senon que canto máis viaxaba, máis europeo me sentía, e máis partidario de independencia de Galiza me facía.

martes, 25 de marzo de 2014

Xustificación candidatura Xosé Miguel B. Rodriguez

Prezadas/os compañeiras/os:
Son Xosé Miguel B. Rodríguez e, mediante este texto, quero explicarvos por que motivo
me candidatei para o referendo do día 30 de marzo de 2014. Procurarei ser claro e expoñer os
motivos e o meu programa.
1. Motivación
Realmente, debo confesar que nunca pensara eu en presentarme como candidato a nada.
Mais, os últimos acontecementos, a nivel organizativo, a nivel de proxección cara á militancia e
as miñas conviccións persoais conducíronme a tomar esta decisión.
En primeiro lugar e con moita dor, debo manifestar que eu apoiei a opción 2 no referendo
para decidir cal sería a nosa política de alianzas. A “inocente” declaración do noso Portavoz
Nacional, a poucos días do referendo, a favor da opción de ir coa esquerda federal española –ir
con, non ir na lista de…- condicionou claramente o resultado do referendo. Quen lle pediu que
se decantase por unha opción e el mesmo son sabedores do poder de influencia que el ten
sobre a militancia. Non vou ocultar a miña decepción, non só pola actuación de última hora do
Portavoz, senón polo que isto conlevou.
Na última Coordinadora Nacional, o 8 de marzo, alén de formalizárense as renuncias de
varios membros da Permanente, procedeuse a elixir nova Permanente, coa presenza de 88
persoas, 87 con dereito a voto (a asemblea do Morrazo disque non está legalmente
constituída). A proposta de nova Permanente, que coñeciamos pola fotografía dun pano de
mesa que aparecía no perfil de Anova Plural –pouco activo agora que se produciu o reparto de
cromos entre os afíns- acadou 44 votos a favor (43+1 do Morrazo) e houbo 44 persoas que
decidimos non participar na votación, favorecendo en todo caso que aquelas persoas que
apostaban por ir con IU –nunca se dixo na lista de IU, pois non é o mesmo coalición que
integración nunha lista- xestionasen o proceso.
Nesa mesma Coordinadora pediuse que os acordos con IU se fixesen públicos, para que a
militancia puidese ter claro coñecemento dos mesmos. Quedouse en remitilos con carácter de
urxencia a toda a militancia. Como ben sabedes, o acordo chegou o día 21 de marzo e con data
do 21 de marzo. Cadaquén que tire as súas propias conclusións.
Tamén na mesma Coordinadora, o Portavoz Nacional propuxo que votásemos sobre que
nos parecía a candidatura de Lidia Senra –que viñamos de coñecer que se lle propuxera ser a
candidata, sen que nin a CN nin a militancia soubesen nada-. Ante a negativa do chamado
agora “sector crítico”, pola falta de transparencia e porque na anterior CN quedaramos de
celebrar un referendo para designar candidatas/os, acordamos que se celebraría o referendo.
A miña opinión é que era tan evidente o intento de “dedazo” estilo PP na designación da
candidata, que non había forma de poder disimular e accedeuse a celebrar a consulta do
vindeiro domingo.
Dende a asemblea á que pertenzo, solicitouse a Organización que se nos remitise o acordo
con IU, antes da asemblea que iamos celebrar o pasado venres, 21 de marzo, e díxosenos que
se remitiría en breve a toda a militancia. Durante a nosa asemblea, recibimos aos nosos
dispositivos electrónicos un correo co famoso acordo. A nosa sorpresa foi maiúscula ao ver
que o acordo estaba asinado o propio 21 de marzo: o mesmo día. Entón, que acordo que nos
dixeran o día 8 que existía con IU nos ían remitir? Había acordo? Entre que interlocutores? Ou
todo era mentira, un engano da nova Permanente, cuxos membros presumían de
horizontalidade? Por iso emitimos un comunicado, solicitando que se vos remitise a toda a
militancia, pero que, argüíndo que –reproduzo textualmente- “a organización como tal só
pode darlle difusión neste caso, aos manifestos e escritos de campaña en apoio a unha
candidatura”.Por se queredes ler o comunicado, reprodúzovolo :
COMUNICADO DA ASEMBLEA DA LIMIA
Reunida a Asemblea da Limia o 21/03/2014, decidimos emitir o seguinte comunicado, solicitando a súa difusión entre a militancia:
- Consideramos que non podemos establecer un debate serio sobre as eleccións europeas, cando descoñecemos os termos do acordo
asinado con IU e tampouco sabemos cal vai ser o programa común a presentar e, xa que logo, a defender durante a campaña electoral.
O pouco que sabemos ata o de agora non o sabemos pola propia organización –Permanente, para ser máis exactos-, senón polas
declaracións realizadas por Yolanda Díaz, lideresa de EU, a través dos medios de comunicación.
- Durante a reunión, recibimos un correo, a través do cal se nos remite o acordo asinado con IU. A nosa sorpresa é maiúscula, cando
comprobamos que foi asinado hoxe mesmo, día 21 de marzo de 2014. Preguntámonos: o que había antes era un acordo verbal? Un
acordo acordado entre que membros de IU e de ANOVA? Onde e cando? O 8 de marzo acórdase na CN remitir con carácter de
urxencia un acordo con IU que supostamente existía e resulta que se asina ese acordo o 21 de marzo? Que era o que existía antes? Ou
non había nada?
- Consideramos esta situación unha tomadura de pelo e sentímonos enganadas/os pola nova Permanente que, no pouco tempo que
leva á fronte da organización, destaca fundamentalmente polo seu escurantismo. Resulta sorprendente que persoas que antes falaban
fraudes, ocultación de datos, censos que non se podían consultar, denunciando todo isto na prensa, agora incorren no que antes
denunciaban. Nunca en ANOVA houbo menos transparencia nin se enganou á militancia como agora. E para mostra o que acabamos
de ver co acordo con IU.
- Da lectura do acordo con IU acabado de saír do forno, comprobamos que ANOVA non vai en coalición coa esquerda federal, senón
integrada na lista de IU, xunto con EU, Espazo ecosocialista e outras organizacións. Integrada na lista de IU, non en coalición, que non
é o mesmo.
- Coincidimos en que ANOVA está a perder o seu carácter propio, a súa identidade, para alegría dalgunhas persoas que ansiaron -e
agora dende o poder organizativo fomentan-a disolución de ANOVA en AGE e que AGE se converta na ICV de Galiza.
- Nesta asemblea afirmamos con rotundidade que non queremos ser comparsa de IU nin tampouco renunciar ao carácter nacionalista
de ANOVA. Somos nacionalistas, non federalistas e non imos renunciar aos nosos principios.
- Non concordamos co argumentario que ultimamente se emprega para xustificar a escura disolución de ANOVA en AGE. Dise que hai
que primar o social e isto conleva aparcar o identitario. Estásenos pedindo que renunciemos a algo que para nós é irrenunciable. Somos
nacionalistas e de esquerda. Afirmamos rotundamente que o nacional e o social non son incompatibles, senón todo o contrario. Para
nós, o nacional é o que nos leva ao social; a un social específico para o noso pobo: Galiza. Cómpre actuar socialmente dun xeito propio,
pois non é o mesmo o carácter, o xeito de vivir, as necesidades... do pobo galego, ca do catalán, do francés ou calquera outro pobo.
- Acordamos non renunciar aos nosos principios. Non queremos que ANOVA se converta nunha corrente de opinión de IU e loitaremos
para que isto non suceda. En todo caso, sexa en ANOVA ou fóra dela, loitaremos por unha Galiza soberana dende a esquerda e dende
o nacionalismo.
En xinzo de Limia, a 21 de marzo de 2014.
Ante o exposto, ante o engano, ante a espúrea tentación de impoñer unha candidata xa
preseleccionada, ante a violación dos nosos principios fundacionais e dos acordos tomados na
IAN, así como en anteriores CN, decido presentarme a este referendo que contribuín a
impulsar. Porque son nacionalista –non federalista-; porque me indigna que a militancia de
ANOVA estea sendo –baixo o meu punto de vista- enganada; porque non é o mesmo
coaligarse con outras forzas ca unha integración na lista de IU, liderada polo PCE dos pactos da
Moncloa; porque este proceso estivo dominado polo escurantismo e pola falsidade; porque os
acordos debemos tomalos o conxunto da militancia e non seren negociados en palcos de
estadios de fútbol –como se ten insinuado-. E, fundamentalmente, porque ANOVA foi
concibida como unha forza de esquerda pero tamén nacionalista… Por todo isto, presentei a
miña candidatura.
2. Propostas
Tal e como moitas/os de vós sabedes, os meus compromisos son os seguintes:
A. Comprométome a defender o programa aprobado pola militancia de ANOVA na
Conferencia Nacional e ratificado pola militancia en referendo.
B. Comprométome a, en canto tome posesión da acta como eurodeputado, pasar ao grupo
dos non-adscritos, no nome de ANOVA e traballar para Galiza só no nome de ANOVA.
C. Comprométome, de acordo co mandato da miña asemblea e das miñas propias
conviccións, a non facer campaña con IU, federal ou non federada.
Creo que a miña postura representa, non só ao amplo grupo de militantes nacionalistas,
senón tamén a todas aquelas persoas que non concordan co escurantismo co que se abordou
este proceso de integración dos nosos candidatos en IU, tentando disfrazar esta integración
con argumentos de base ben feble como que nas papeletas só apareceran os candidatos de
AGE ou que temos un posto seguro, coa visibilidade que iso supón.
Grazas por prestarme a vosa atención.
Apertas.
Xosé Miguel B. Rodriguez
Publicaremos sen censura previa todos os escritos que nos acheguen as persoas candidatas e a afiliación de Ferrolterra.

GALIZA, UNHA NACIÓN NA EUROPA DOS POBOS




Compañeiras e compañeiros de ANOVA
Son militante de ANOVA dende a súa creación, e preséntome como candidato para representar ANOVA no Parlamento Europeo.
Teño programa. O elaborado por todos nós e aprobado na Conferencia Nacional do 2 de febreiro e ratificado maioritariamente no referendo do 23 de febreiro. É o programa de ANOVA.
Sería incongruente pola miña parte presentarme sen ter un programa ou estando á espera de telo, e máis cando pode que sexa un no que non participase na súa elaboración. Indicaría que tan só tiña interese polo cargo.
O meu pensamento político aséntase na tradición do movemento obreiro, do nacionalismo e do internacionalismo, alimentándose coa análise da complexa dinámica social. Pero sempre marcado polo obxectivo final de conseguir a liberación nacional e social de Galiza.
Na diversidade de Europa, debemos colaborar no proceso de construcción dunha alternativa, dunha contratendencia do estado actual da Unión Europea. Outra Europa é posible.
A UE constitúe un espazo político que permite una loita eficaz para as forzas políticas afíns, que no conflito social existente na maioría dos países e na situación das nacións sen estado, configuren una dialéctica aberta que permita construir un modelo de referencia que impugne a actual dinámica da Unión, tanto nos métodos como nos fins.
A crise económica e as políticas de austeridade impostas pola Troika (Comisión Europea, Banco Central Europeo e Fondo Monetario Internacional) están a provocar unha fractura social e una relación de subordinación e dependencia das economías periféricas, que da lugar a destrución dos modelos sociais estatais, perceptible en ámbitos como a flexibilidade do mercado de traballo e a perda de dereitos dos traballadores, a redución da protección social e a sanidade pública, as reformas educativas, etc. Os problemas económicos, políticos e sociais que estas políticas orixinan nas clases populares e na cidadanía máis desfavorecida son semellantes no noso país e nas outras nacións da UE. Galiza ten una estructura social semellante á doutras nacións, cun 10% da poboación activa no sector primario e cun sector industrial e de servizos que ocupan á mayoría da poboación. Xa os sectores agrario e pesqueiro, fundamentais na estructura económica do país, están hoxe moi industrializados.
Son estas as raíces comúns en toda Europa do conflito social. É un dos dous piares da citada dialéctica aberta para a nosa acción política no Parlamento Europeo.
O outro piar da dialéctica aberta ven dado pola reivindicación do recoñecemento pola Unión Europea das nacións sen estado. Esta cuestión vai ser tema importante de debate na próxima lexislatura, pois terá que afrontarse a petición de independencia de Escocia e de Catalunya.
A pertenza a UE, a unha Europa sin fronteriras, fai posible a reivindicación estratéxica dunha Galiza como estado independente integrado nos valores europeos e universais. Galiza é unha nación europea con características semellantes as outras nacións atlánticas europeas e vencellada universalmente coas outras nacións do mundo do ámbito lingüístico do noso idioma.
O obxectivo estratéxico é a soberanía plena de Galiza como nación europea.
A proposta dun estado plurinacional dentro do Estado Español non garante a emancipación nacional se non permite a configuración dun Estado Galego.
Galiza non é diferente de Catalunya ou Euskadi. A proposta galega de ter un estado independente ten a mesma xustificación política que a que poidan alegar eses dous países ou calquer outro da UE como Escocia, independentemente de que as forzas que o reclamen non sexan no presente hexemónicas para conseguilo. Debemos ter lealdade ao proxecto nacional.
Os dous piares citados para a nosa acción parlamentar, son consubstanciais co noso obxectivo final de conseguir a liberación nacional e social de Galiza, obxectivos dialecticamente incardinados e inseparables nun mesmo proceso, xa que a loita por unha sociedade sen clases presupón a supresión de todo tipo de opresión nacional.

Xoán Manuel Bastida


luns, 24 de marzo de 2014

COMUNICADO DA ASEMBLEA DA LIMIA

Reunida a Asemblea da Limia o 21/03/2014, decidimos emitir o seguinte comunicado, solicitando a súa difusión entre a militancia:
- Consideramos que non podemos establecer un debate serio sobre as eleccións europeas, cando descoñecemos os termos do acordo asinado con IU e tampouco sabemos cal vai ser o programa común a presentar e, xa que logo, a defender durante a campaña electoral. O pouco que sabemos ata o de agora non o sabemos pola propia organización –Permanente, para ser máis exactos-, senón polas declaracións realizadas por Yolanda Díaz, lideresa de EU, a través dos medios de comunicación.
- Durante a reunión, recibimos un correo, a través do cal se nos remite o acordo asinado con IU. A nosa sorpresa é maiúscula, cando comprobamos que foi asinado hoxe mesmo, día 21 de marzo de 2014. Preguntámonos: o que había antes era un acordo verbal? Un acordo acordado entre que membros de IU e de ANOVA? Onde e cando? O 8 de marzo acórdase na CN remitir con carácter de urxencia un acordo con IU que supostamente existía e resulta que se asina ese acordo o 21 de marzo? Que era o que existía antes? Ou non había nada?
- Consideramos esta situación unha tomadura de pelo e sentímonos enganadas/os pola nova Permanente que, no pouco tempo que leva á fronte da organización, destaca fundamentalmente polo seu escurantismo. Resulta sorprendente que persoas que antes falaban fraudes, ocultación de datos, censos que non se podían consultar, denunciando todo isto na prensa, agora incorren no que antes denunciaban. Nunca en ANOVA houbo menos transparencia nin se enganou á militancia como agora. E para mostra o que acabamos de ver co acordo con IU.
- Da lectura do acordo con IU acabado de saír do forno, comprobamos que ANOVA non vai en coalición coa esquerda federal, senón integrada na lista de IU, xunto con EU, Espazo ecosocialista e outras organizacións. Integrada na lista de IU, non en coalición, que non é o mesmo.
- Coincidimos en que ANOVA está a perder o seu carácter propio, a súa identidade, para alegría dalgunhas persoas que ansiaron -e agora dende o poder organizativo fomentan-a disolución de ANOVA en AGE e que AGE se converta na ICV de Galiza.
- Nesta asemblea afirmamos con rotundidade que non queremos ser comparsa de IU nin tampouco renunciar ao carácter nacionalista de ANOVA. Somos nacionalistas, non federalistas e non imos renunciar aos nosos principios.
- Non concordamos co argumentario que ultimamente se emprega para xustificar a escura disolución de ANOVA en AGE. Dise que hai que primar o social e isto conleva aparcar o identitario. Estásenos pedindo que renunciemos a algo que para nós é irrenunciable. Somos nacionalistas e de esquerda. Afirmamos rotundamente que o nacional e o social non son incompatibles, senón todo o contrario. Para nós, o nacional é o que nos leva ao social; a un social específico para o noso pobo: Galiza. Cómpre actuar socialmente dun xeito propio, pois non é o mesmo o carácter, o xeito de vivir, as necesidades... do pobo galego, ca do catalán, do francés ou calquera outro pobo.
- Acordamos non renunciar aos nosos principios. Non queremos que ANOVA se converta nunha corrente de opinión de IU e loitaremos para que isto non suceda. En todo caso, sexa en ANOVA ou fóra dela, loitaremos por unha Galiza soberana dende a esquerda e dende o nacionalismo.
En xinzo de Limia, a 21 de marzo de 2014.