Anova Ferrol apoia todas as concentracións e manifestacións cidadás democráticas convocadas para hoxe, logo da abdicación do Borbón, e animan á militancia e xentes demócratas a acudir á concentración convocada para esta tarde ás 20 h na praza do himno galego en Ferrol.
Anova Ferrol considera que é o momento de unir forzas para propiciar unha ruptura democrática co réxime saído da Transición, herdeiro do Franquismo. Cómpre acabar coa podremia de todas as instancias do Estado – dende a Xustiza, cada vez máis alonxada da xente, ata a corrupción das instancias políticas e a sumisión dos poderes públicos ao poder financeiro, que esmaga á xente -. A única vía para conseguilo é a democracia: que a xente decidamos sobre todo o que nos afecta; que as nacións, como a galega, decidamos o que queremos ser.
Por iso, animamos ás forzas políticas e sociais democráticas a amosar altura de miras e unírmonos pola consecueción do poder popular.
Como sinalaba Anova hai medio ano, “cómpren novas alternativas políticas, unha nova ferramenta dos e das nacionalistas galegas para intervir e incidir no proceso de fin de réxime cara a un novo ciclo político propiciado polo activismo da cidadanía. A aposta do nacionalismo, da esquerda e de calquera demócrata ten que ser por unha creba democrática coa segunda restauración borbónica, nun proceso protagonizado pola cidadanía e trasladado á instancia política polas forzas rupturistas que realmente conecten con esa cidadanía.
Na nación galega, un proceso constituínte impulsado polos cidadáns e cidadás galegas, pobo soberano, e trasladado á instancia política polo nacionalismo e por aquelas forzas que, sen seren nacionalistas, respecten o noso dereito á autodeterminación e o practiquen.”
Na nación galega, un proceso constituínte impulsado polos cidadáns e cidadás galegas, pobo soberano, e trasladado á instancia política polo nacionalismo e por aquelas forzas que, sen seren nacionalistas, respecten o noso dereito á autodeterminación e o practiquen.”
Ningún comentario:
Publicar un comentario