xoves, 4 de setembro de 2014

Rolda de prensa



Dous son os motivos da nosa presenza ante os medios de comunicación:

1.- Avaliarmos o estado do proceso cara á consecución dunha alternativa unitaria e democrática.
2.- Expresarmos a nosa opinión ante as filtracións e rolda de prensa levada a cabo por IU e o Espazo ecosocialista.

Cremos que é necesario pasar do dito ao feito e, por responsabilidade cívica democrática, estamos dispostos a poñer en práctica para o concello de Ferrol toda enerxía necesaria para :
  • Promover e alentar candidaturas de unidade para as eleccións municipais, subliñando a importancia decisiva que teñen os concellos como espazos de participación, transformación e emancipación.
  • Promover e alentar e candidaturas cidadáns plurais a partir do protagonismo directo da cidadanía, coa procura da harmonía de principios comúns e programas concretos, a nivel local e galego.

Nós non somos ninguén con máis dereitos que ninguén só queremos axudar a crear un espazo de entendemento para que en Ferrol poida darse esa transformación que todas e todos desexamos.

Por iso e con eses obxectivos mantivemos conversas cos distintos grupos políticos de Ferrol tendo como horizonte a consecución de candidaturas cidadáns .

Este é o motivo fundamental da nosa presenza aquí ante os medios de comunicación : trasladar, máis unha vez, a necesaria vontade unitaria ás forzas políticas e sociais da nosa cidade.

Como xa é coñecido ANOVA fixo un chamamento á cidadanía e aos grupos políticos o pasado dia 16 de agosto.

Nesa proposta diciamos que :

  • Os partidos deben esquecer as súas siglas e os seus intereses electorais na procura da máxima unidade cidadá.”
  • Tamén diciamos que debería realizarse un chamamento público a todos os partidos de Ferrolterra, "sin exclusión ningunha", para que nun réxime de autoconvocatoria, "se xunten para ver o xeito máis adecuado de vehiculizar esa indignación social, dándolle a voz e o protagonismo a propia sociedade".

Posteriormente producíronse conversas con IU que se concretaron no manifesto que recibe o nome de Costa Ártabra e, alén do manifesto, tamén se tomaron acordos que garantise que a súa presentación pública e, xa que logo, o protagonismo se trasladase á sociedade por cidadáns sen adscrición partidaria para conseguirmos, precisamente, que o protagonismo dos partidos pasase a un segundo plano, posibilitando deste xeito a incorporación de novas forzas políticas e sociais.

As filtracións interesadas aos medios de comunicación e unha posterior rolda de prensa é outra das razóns, que nos levaron a convocar aos medios.

Nesas filtracións e nesa rolda de prensa adiántanse obxectivos e delimítanse marcos – territorios que non concordan, desde o punto de vista de ANOVA co falado entre esas tres forzas políticas, cando menos desde a humilde interpretación dos que nesas conversas estivemos. E o máis significativo é que se fai esa interpretación e nomease a ANOVA sen que ninguén fose autorizado por ANOVA nin ninguén de ANOVA estivese nesa rolda de prensa.

Como é lóxico e comprensíbel ninguén, agás Anova, pode indicarlle aos medios de comunicación o noso apoio ou non apoio e a súa avaliación de calquera tipo de iniciativa.

ANOVA xa lle dirixiu un escrito ás dúas organizacións por medio do responsábel de organización e de acción institucional expresándolle o noso malestar por esas cuestións.

Un dos principais acordos aos que se chegou nas conversas mantidas para a elaboración dun manifesto para Ferrol era que tiña que coidarse moito o carácter individual de apoio a ese manifesto, indicándose incluso que nas sinaturas non se admitirían afiliacións políticas nin sinaturas de organizacións políticas para facelo o máis amplo posible e facilitarmos, desta maneira, a incorporación a este proceso de todas as forzas de esquerdas rupturistas e soberanistas co obxectivo de lograrmos un movemento cidadá o máis amplo posíbel, pero tendo en conta que non estamos no 31 nin isto vai ser unha nova fronte popular.

Tamén se acordou que esta iniciativa se faría pública nunha rolda de prensa cuxos protagonistas serían persoas non ligadas a organizacións políticas para salvagardar o carácter amplo e unitario do proceso. Parece ser que algunha organización non puido resistir a tentación de ter un protagonismo que ninguén lle deu e que ao noso entender non debería ter.

A filtración interesada aos medios de comunicación, indicando inclusive que Marea Artabra será o selo co que concorrerían ás municipais as formacións de IU, Anova e Espazo ecosocialistaalén de ser un grave incumprimento do acordado nas reunións mantidas,  pon en serio perigo a posibilidade de integración doutro tipo de asociacións do movemento social e político de Ferrol ou de persoas de xeito individual e incluso a viabilidade deste proceso aos poucos días de botar a andar.

Desde Anova pensamos que, xa que a cidadanía foi quen máis sufriu os recortes sociais e a verdadeira protagonista das mobilizacións dos anos 2012 e 2013, tamén debe selo de todo este proceso.
Por iso cremos que os partidos políticos deben dar un paso atrás para deixar que os cidadáns se poñan á fronte deste proceso asembleario do que debe saír unha candidatura e un programa dos veciños e as veciñas de Ferrol.

ANOVA entende que a sinatura do manifesto Marea Ártabra non o define como a estación de chegada do proceso unitario na nosa cidade se non como a estación de partida ao que hai que sumar vontades .

Apelamos ás forzas as forzas políticas e ao movemento social para que se sumen a este proceso unitario na procura dese marco común que sexa quen de derrotar nas urnas aos partidos do actual réxime que son os responsábeis da crise e da xestións da mesma.

CEDÉMOSLLE O PROTAGONISMO AO MOVIMENTO CIDADÁ DE FERROL PARA QUE SEXA EL, PROPRIAMENTE, OS QUE DIRIXAN O PROCESO.

Ferrol a 3 de setembro de 2014


Xosé Manuel Pazo( Portavoz ANOVA- Ferrol , Adrián Acción ( Responsábel de organización) e César Manso ( Responsábel de política institucional).

Ningún comentario:

Publicar un comentario